24/3/21

DÍA DA POESÍA

O 23 de marzo celébrase o Día da Poesía e no cole decidimos facer a nosa propia poesía colectiva. Así pois, partindo dunha primeira estrofa que Searín ideou xunto cos profes, as distintas titorías foron aportando novos versos. Comezamos cos máis pequechos en infantil e a poesía seguiu crecendo ata chegar ao sexto curso. Ademais, o seu contido está enfocado no PDI de centro e podemos asistir á súa lectura comezando o seu percorrido na planta baixa ata chegar ao primeiro andar, pois cada estrofa está plasmada nunha cartolina. 

Como somos conscientes de que a poesía como máis nos gusta é cando alguén nola recita, algúns rapaces e rapazas foron á radio gravala para que poidades escoitar o resultado final. 

Esperamos que vos guste tanto como a nós!!


22/3/21

DÍA DA AUGA

O 22 de marzo é o Día Mundial da Auga e dende a biblio colaboramos con Aqualia para ter no noso cole a exposición "Auga maraBilla". Esta mostra consiste nun percorrido por sete paneis nos que se anima a facer un consumo responsable mais tamén nos aporta información do impacto que teñen os plásticos no mar e o consumo de botellas de plástico dun só uso. Así pois, todas as aulas pasarán ao longo desta semana pola biblio para poder vela e extraer ideas, conclusións e tomar conciencia do consumo responsable. 








 

19/3/21

8 MULLERES DO MUNDO DA MÚSICA

Dende a materia de música tamén se fixo unha aportación á celebración do Día da Muller. Consistiu en realizar dous padlets, un co alumnado de 6º A e o segundo co de 6º B. Cada neno/a elixiu unha muller ou grupo musical formado por mulleres do mundo da música (cantantes, compositoras, instrumentistas, etc) cuxa traxectoria está sendo ou foi decisiva para marcar pegada nos diferentes estilos musicais e por tanto, na historia da música. 

A verdade é que xurdiron eleccións moi interesantes e a todos nos gustou un montón coñecer máis de preto a algún dos referentes elixidos. Aínda que só oito foron as elixidas para poder levar á radio, todas nos parecen máis que importantes para ter en conta neste día. 

Esperamos que vos guste! Bo traballo rapazada!


Hecho con Padlet

Hecho con Padlet

18/3/21

ENTREVISTA A SIMRAN

O alumnado de 6ºA e 6ºB preparou unha batería de preguntas para facerlle unha entrevista a Simran Eachpilani, a nosa auxiliar de conversa.


 

Tedes a versión televisiva no último Caranvexornal do cole e aquí, no noso blog, a realizada en Radio Seara. Foi un pracer traballar con ela.

Grazas Simran e grazas aos rapaces e rapazas de sexto que fixeron unha entrevista á altura dos grandes profesionais do xornalismo. 

 

16/3/21

AS FLORES DE SEARA POR CARLA COSTAS

Gustouvos tanto o proxecto de decoración que Carla e a profe Salomé realizaron para o Día da Muller, que nos pareceu unha idea xenial poder coñecer o paso a paso para así poder facelo todos nós cando queiramos, no cole ou nas nosas casas coa familia. 
Pois aquí tedes o vídeo que gravou Carla co paso a paso do proxecto para facilitarnos a tarefa.

   


Moitas grazas Carla!! Seguro que un montón de nenos e nenas se animan a facelo, pois o resultado é espectacular!!

15/3/21

8M: A MAMÁ DE LUCÍA E CARLA GOLOBARDAS

 A nai de Lucía e Carla Golobardas visitou a aula de 5ºB e de 1º para falar do seu traballo. Contounos os seus anos de experiencia na peixaría dun supermercado de Moaña. Tanto grandes coma pequenos aprendemos moito sobre as preferencias dos moañeses e moañesas con respecto ao peixe e o marisco.







8 M: YOLANDA PASTORIZA

 O xoves 12 de marzo e dentro das visitas programadas para celebrar o día da Muller, visitou a aula de primeiro de Educación Primaria a mestra composteira Yolanda Pastoriza.

Os nenos e nenas prepararan previamente unhas preguntas e ela foi respondéndoas. Así faloulles de:

• Como se elabora o compost e para que serve.
• Que cousas se poden botar na composteira e cales non.
• Distribución das composteiras pola vila de Moaña.
• Diferenzas das composteiras dependendo das zonas.

Ademais comentounos que todas as persoas que se dedican a coidar e elaborar o compost no Morrazo son mulleres e que para chegar aquí tiveron que pasar varias probas.

Animou a todos e todas a reciclar e colaborar no coidado da nosa vila e de todo o noso planeta.





 

8 M: A AVOA DE BORJA E MARA PÉREZ

Elisa, a avoa de Borja foi mariscadora durante moitos anos, e aínda que xa está xubilada, accedeu a vir ao colexio a contarlles toda a súa sabedoría e experiencia ao alumnado do sexto curso. Falaron de como mudou o marisqueo dende comezou a traballar ata que se xubilou, os traxes, as ferramentas, o número de traballadores e traballadoras, etc. 


Moitas grazas Elisa por compartir este día con nós!!

Foi unha charla tan interesante, que Paula de 6º B decidiu plasmar en formato cómic a súa visita. Mirade que chulo lle quedou! Grazas Paula pola aportación! Seguro que a Elisa lle encanta!





14/3/21

8 M: A MAMÁ DE SIMÓN E IAGO LÓPEZ

Na clase de segundo tiveron a sorte de compartir este día con Gema, a mamá de Simón e Iago. Gema  forma parte do control de calidade dunha empresa de conservas, un dos sectores máis característicos da nosa comunidade. Así pois, puideron aprender moitas cousas sobre as conservas, os beneficios das mesmas e o seu proceso de elaboración e tamén facerlle moitas preguntas interesantes sobre o seu traballo. 

Moitas grazas Gema por compartir con nós este día! 





13/3/21

SEMANA DA PRENSA NA ESCOLA


Do día 8 ao 12 de marzo conmemorouse a Semana da  Prensa  en todos os centros educativos de Galicia. No noso cole realizáronse distintas actividades relacionadas coa prensa. Así pois, o alumnado de terceiro realizou un mural cunha selección de noticias relacionadas co noso proxecto de centro seguindo a Axenda da ONU para 2030. 





Sexto curso por exemplo tamén realizou unha actividade moi chula: realizaron a súa propia portada de prensa tendo en conta o día no que naceron. Así pois, mediante diferentes programas e ferramentas TIC construíron unha portada coa foto do seu nacemento mais tamén con diferentes noticias que foron publicadas no día no que chegaron ao mundo. 





O resultado final non podería ser máis espectacular!

Noraboa polo traballo feito rapazada!



8 M: A MAMÁ DE ÉMIL E IVÁN GALANSKY

O mércores, Rebeca (a nai de Iván e Émil), estivo en infantil. Ela é bióloga mariña, así que lles explicou aos pequechos e pequechas o que é ser "científica", a importancia de observar o medio no que vivimos e que temos que coidar a tódolos seres vivos que se atopan no mar, se non queremos que deixen de existir.


 

Ademais levoulles un mural moi chulo para ensinarlles mellor a xestión das limitacións de zonas para pescar e o que significa ese sinal con forma circular e unha liña branca no medio (non podemos coller peixe nese lugar). 

 

 Moitas grazas Rebeca por compartir este día con nós!!

8 M: A MAMÁ DE ARI E NAYARA RODRÍGUEZ

 Susana, a mamá de Ari e Nayara estivo en 4º de primaria contándolles o duro que é o traballo subida a unha batea, pois ela é unha muller bateeira. 

Explicoulles os diferentes traballos que teñen que facer as traballadoras do mexillón para que nós poidamos apreciar este rico produto da acuicultura moañesa. Ademais  mostroulles fotos e vídeos para entender mellor o seu traballo. 



Moitas grazas Susana por compartir con nós este día!!


8 M: A MAMÁ DE AROA GONZÁLEZ

O martes, estivo na clase dos mandilóns morados Eva (a nai de Aroa G). Traballa nunha fábrica de conservas, polo que lles explicou de primeira man o procedemento que vai dende a recollida do peixe ou marisco ata o seu envase en latas de conserva.

Tamén lles mostrou diferentes vídeos e fotos do proceso para así poder entendelo mellor.  O que máis lles gustou foi poder ver as máquinas que manexan en pleno funcionamento!


 

Moitas grazas Eva por compartir con nós este día!!

11/3/21

8 M: A MAMÁ DE AROA LENS


Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, na clase de 5º A tiveron unha invitada moi especial, Sonia, a nai de Aroa.

Sonia leva traballando desde fai xa moitísimos anos en diferentes fábricas de alimentación nas que o produto principal vén do mar.

Contounos como lle traen grandísimas cantidades de langostinos e calamares en bloques conxelados de sitios de moi lonxe como Arxentina e outros lugares. Tamén como se organizan os turnos, o funcionamento da cadea de traballo, os cambios nas cantidades de produto en función da época do ano e ata puideron coñecer como se realiza a limpeza, corte e preparado para a venta de langostinos e calamares. 

Foi moi interesante coñecer o seu traballo, pero o mellor de todo foron o cariño e a ilusión cos que nolo transmitiu.

Moitísimas gracias Sonia!!!







10/3/21

8 M: A AVOA DE CARLA RIOBÓ

 Pili, a avoa de Carla Riobó, visitou hoxe a clase de 5ºB para falar do seu traballo como mariscadora. 

Empezou moi nova recollendo ameixas e croques, cando o marisqueo a pé non estaba regulado como hoxe en día, e calquera podía sacar uns cartiños mariscando na Xunqueira.

Pili recalcou o gran cambio que supuxo regularizar o mariqueo a pé: cotizar polo traballo e ademais gañarse a vida con el.

Xa hai uns anos que Pili está xubilada e aínda que o seu traballo era moi duros, bótao de menos.




8 M: A MAMÁ DE MARCOS RÚA

Merchi, a nai de Marcos Rúa, veu hoxe ao noso cole a contarlle ao alumnado de terceiro os traballos que tivo, pois primeiro foi mariñeira durante quince anos, e desde hai uns dez traballa de redeira. Explicoulles en que consiste o seu traballo e grazas a ela souberon un montón de datos: como se organizan, canto tardan en facer un aparello, canto pode chegar a medir, a diferencia entre atar e armar... Incluso trouxo as agullas, a corda e un pequeno aparello para mostrarnos. Foi interesantísimo!!!

Dende aquí queremos agradecerche Merchi poder compartir connosco toda a túa sabedoría e experiencia. Moitas grazas!!





 

TRABALLOS DO DÍA DA MULLER

Aquí tedes algúns dos traballos que o noso alumnado estivo facendo e que están expostos nos corredores do primeiro e segundo andar do cole. 















Noraboa polo traballo rapaces!!