29/4/21

CAPERUCITA AZUL Y EL LOBO RAÚL POR SARAIVA

Con motivo do Día do Libro, as avoas e avós de Saraiva crearon o conto "Caperucita azul y el lobo Raúl" e enviáronnolo para que puideramos gozar con el no cole.  Gustounos tanto que a rapazada de primeiro decidiu mostrarlle o seu agradecemento a través dun vídeo para animalos a seguir creando historias e compartilas con todos nós. 

Moitas grazas Saraiva!!


24/4/21

Experimentando coa impresora 3D

As pequechas e pequechos de Infantil, experimentaron coas novas tecnoloxías co obxectivo de facer un marcapáxinas para o Día do Libro.

En primeiro lugar, deseñaron os seus nomes coa tablet:



Os nomes deseñados, foron enviados á impresora 3D para ser impresos:


Finalmente, pegaron os nomes a unha cartolina que previamente decoraran...

E voilá! Así de chulis lles quedaron!




















23/4/21

FELIZ DÍA DO LIBRO!

Hoxe, 23 de abril, celebramos o Día Mundial do Libro no noso cole. Baixo o lema “Amamos os libros, amamos o planeta” realizamos unha actividade na que xuntamos dúas das nosas paixóns: os libros e o coidado do planeta. Así pois, ilustramos a portada daquel libro que descubrimos este ano co PDI sobre como podemos salvar o planeta ou aquel que leva anos gustándonos e que está relacionado coa natureza e a vida nos distintos escosistemas. 









Ademais moitos cursos aproveitaron a súa visita semanal á biblio para poder realizar a actividade rodeados dos seus libros favoritos. 




O resultado está exposto no corredor da biblio e non nos pode gustar máis!! 
Seguramente nun futuro próximo algún ou algunha de vós asinedes as ilustracións das portadas de moitos libros, pois tedes moito talento!! 

22/4/21

Extra! Extra! O novo CaranveXornal xa está aquí!

Non vos perdades o CaranveXornal deste mes de abril porque é único!

 A través deste medio de comunicación, o alumnado amósanos o día a día do noso cole: as medidas de seguridade e hixiene que temos que adoptar para poder usar a Biblio, os Eco- Retos, as novas plantacións, a axenda 2030... entre outros.

Aquí está!




FELIZ DÍA DA TERRA


O día 22 de abril celébrase o Día Mundial da Terra, e no noso cole tivemos a sorte de contar para este día coa presencia dun contacontos moi especial ao que lle gusta tanto a natureza como a nós... a ver se adiviñades de quen son estas gadoupas? 




De pés de lobo! tamén coñecido como Anxo Moure!













Moitas grazas Atrapador de contos! Deica pronto! 💚



21/4/21

Aprendendo sobre as enerxías verdes

 As clases de quinto recibiron unha visita moi especial: Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, visitou o noso cole. Aprendemos a diferenza entre enerxías verdes e enerxías renovables. Tamén descubrimos como os nosos devanceiros xa empregaban as enerxías verdes para as súa tarefas cotiás.



Ademais o alumnado aproveitou a ocasión para preguntarlle a alcaldesa en primeira persona as súas inquedanzas sobre a nosa vila.

19/4/21

Encontro con Eva Mejuto

 O venres, 26 de marzo de 2021 Eva Mejuto visitou o noso centro para contarlles aos alumnos e alumnas de 1º de Educación Primaria o seu libro DEZ GATIÑAS VIAXEIRAS.

Este libro foi elixido como itinerario lector e os nenos e nenas gozaron e participaron moito do contacontos da escritora.

Ademais da lectura Eva xogou cos nenos e nenas  buscando pares de palabras coas que poder elaborar outras historias diferentes: dez peixes voadores, dez cans xogadores…

Foi unha sesión agradable e divertida!


 



14/4/21

Obradoiro de radio con Charo Pita


A volta das vacacións o alumnado de 3º e 4º curso tiveron unha sorpresa:un obradoiro coa escritora, actriz e contacontos Charo Pita.
Con ela aprenderon un pouquiño de como preparar e falar nun programa de radio.
Tratábase dun programa sobre Aventureiras intrépidas e aínda que só tiveron a oportunidade
de escoitar da súa man a vida de Mary Kingsley, quedaron absolutamente
engaiolados polas peripecias que viviu esta aventureira.  
Seguro que se animan a subir á radio a contarnos cousiñas sobre estas marabillosas aventureiras!!





 

 

12/4/21

Novidades na biblioteca

Novos libros continúan chegando á nosa biblio. Cómics, álbums ilustrados, poesía, clásicos, biografías... mais tamén libros relacionados co noso proxecto de centro "Camiñando cara o 2030". 

Xa sabes cal vai ser a túa próxima lectura? 











7/4/21

ECO-RETO MES DE ABRIL!

Seguimos fomentado o consumo responsable e a redución de plástico e papel. Grazas ao eco-reto do mes anterior, decatámonos da cantidade de plástico e papel que consumimos nun mes polo que, o reto para Abril, será intentar reducir dita cantidade.


Para tal fin, necesitamos a vosa axuda xa que o alumnado xa pensou posibles alternativas: non envolver os alimentos con plásticos (utilizar tuppers reutilizables), non utilizar palliñas dun só uso, traer a froita en peza, non tirar os envases de iogur (utilizalos para plantar)... 

SEGURO QUE COA VOSA IMPLICACIÓN...

 CONSEGUIRÉMOLO! 💪



5/4/21

OBRADOIRO IMPRESORA 3D

O alumnado do sexto curso estivo na biblioteca coa profe Ángela, que lles ensinou a utilizar o programa Tinkercad para poder deseñar todas aquelas cousas que xurdan para logo poder imprimilas na impresora 3D. Debuxaron o seu nome e ademais, tamén fixeron unha pequena incursión no programa 3dwox, o específico para traballar coa nosa impresora. 

Ademais, como lles encanta xogar cos legos, no vídeo tamén se recollen esas creacións que foron realizando.