7/6/26

VOU A BIBLIO NO RECREO!

 Nos recreos a biblioteca do cole convértese en moito máis ca un espazo para a lectura. Entre andeis e libros, o alumnado atopa tamén un lugar para compartir, aprender e divertirse dun xeito diferente. 

Os xogos de mesa ocupan un papel protagonista, favorecendo a convivencia, o respecto polas normas e o traballo en equipo, ademais os que se animan co xadrez desenvolven a concentración e o pensamento lóxico.

Na nosa biblioteca tamén teñen unha presenza destacada os xogos de construción, que estimulan a creatividade e a imaxinación. Con eles a rapazada experimenta, crea e colabora. Ademais a biblioteca énchese de vida con outras actividades como tocar o piano, descubrir novos xogos ou participar en obradoiros organizados por profes ou alumnos e alumnas. Por exemplo, o obradoiro de calceta, organizado polas rapazas de cuarto, permitiu desenvolver habilidades manuais e crear vínculos entre o alumnado.

A biblioteca do colexio ensínanos que tamén se aprende xogando, conversando, creando e gozando xuntos. Pero, sobre todo, queremos que a nosa biblioteca sexa un lugar onde cada neno e nena poida atopar o seu espazo e medrar como persoa.

Deixámosvos aquí un vídeo dalgúns momentos de recreos na biblio.

2/6/26

CONTACONTOS DO IES A PARALAIA

 Os alumnos e alumnas de 1º da ESO do IES Paralaia estiveron compartindo unha xornada de contos dramatizados co noso alumnado de Ed. Infantil.

A Cebra Camila, Chibos chibóns. o Patiño Feo, o Gato Lambón, o Grúfalo e o Monstro de Ricardo foron algunhas das historias das que disfrutamos. Moitas grazas, chic@s!!!

1/6/26

CALENDARIO DE SERES MÁXICOS GALEGOS

Ao longo de todo o curso, o Equipo da Biblioteca elaborou un calendario mensual  vencellado ao PDI de centro "Galicia Máxica". Cada mes descubrimos unha nova criatura relacionada coa nosa mitoloxía popular. Este mes de xuño, pechamos o curso coas Mouras,  completando así esta fermosa viaxe polo noso imaxinario tradicional.

Ademáis, desde a Biblioteca Creativa, o alumnado realizou unha creación artística relacionada con cada unha das criaturas traballadas.

30/5/26

OBRADOIROS DE BIBLIOTECA CREATIVA

Ao longo desta semana na biblioteca tivemos distintos obradoiros creativos para todo o alumnado. Estes obradoiros levounos a cabo "Trazos", partindo de contos e historias abraiantes Patricia soubo mergullarnos nun mundo de fantasía e creatividade. 

29/5/26

VISITA DE RAMÓN D. VEIGA

O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria gozou coa visita de Ramón Veiga, quen lles falou do seu libro "Maios e Desmaios". Ademais aproveitou a ocasión para compartir co alumnado diferentes tradicións relacionadas coa noite máxica de San Xoán. A rapazada participou con moito interese e entusiasmo facendo moitas preguntas do seu libro e descubrindo moitas curiosidades sobre o San Xoán, especialmente sobre os rituais da auga e do lume.

Para rematar a actividade, todo o alumnado levou o seu exemplar asinado polo autor, polo que lle damos as grazas a Ramón pola visita ao noso centro e por compartir con nós os libros marabillosos que escribe, cos que soñamos, aprendemos e gozamos en cada lectura.

25/5/26

PROGRAMA COMUNICARNOS EN EDUCACIÓN INFANTIL

Ao longo do curso o profesorado traballou o Programa Comunicarnos co alumnado de Ed. infantil.

Comunicarnos é unha proposta de traballo secuenciada e organizada que pretende mellorar o desenvolvemento da linguaxe oral así como preparar e facilitar a aprendizaxe do proceso lectorescritor mediante o desenvolvemento de habilidades metalingüísticas.

En tres anos trabállase fundamentalmente a memoria e discriminación auditiva, a conciencia léxica e o inicio da rima (separación de palabras nunha frase, contar palabras, lembrar palabras, enumerar palabras de campos semánticos, creación de frases engadindo palabras, palabras que riman, quitar palabras dunha frase...).
En catro anos trabállase a conciencia silábica e faise un repaso do anterior (clasificar frases segundo o número de palabras, compoñer ou descompoñer palabras compostas, contar sílabas, xuntar ou cambiar sílabas para formar novas palabras, identificar a sílaba inicial ou final, identificar palabras que comezan ou rematan igual, ordear sílabas para formar palabras...).
En cinco anos faise un repaso de todo o anterior e trabállase a conciencia fonémica e o principio alfabético (articular fonemas sen apoio visual, separar sons en sílabas, identificar o fonema que soa, identificar o fonema inicial ou final, buscar onde leva o son, engadir fonemas, adiviñar palabras segundo o son, dicir os sons dunha palabra, asociar fonema con grafema ou grafemas...).

18/5/26

A GALICIA MÁXICA CON SOLEDAD FELLOZA

Para conmemorar as Letras Galegas tivemos no cole a visita de Soledad Felloza, contacontos e actriz, que nos contou a lenda de Circe e Penélope, protagonistas do libro de Begoña Caamaño.
Ademais achegounos a nosa terra galega con historias cheas de maxia e tradición como os Biosbardos e as lendas dos Ancares.

LETRAS GALEGAS 2026: BEGOÑA CAAMAÑO

17/5/26

LETRAS GALEGAS

"É o tempo do feminismo, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por que non? Da felicidade." Begoña Caamaño

 

15/5/26

VÍDEO SOBRE BEGOÑA CAAMAÑO

 Precioso vídeo o que fixo o Seminario Galán sobre a vida de Begoña Caamaño, a homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.

DÍA DA FAMILIA: AGASALLOS EN 4 ANOS

Os nenos e nenas de 5º curso de Educación Infantil tinguiron sal fina con xiz para facer uns preciosos botes de sal de cores da primavera, que regalaron o 15 de maio, Día Internacional das Familias.

14/5/26

LECTURAS COMPARTIDAS: CONTACONTOS

 O alumnado de 5º curso de ED. Primaria foi ao longo destas últimas semanas (empezaron a Semana do Libro) a facer de contacontos a 1º de Ed. Primaria.

13/5/26

TRABALLANDO A HISTORIA EN 6º CURSO

O alumnado de sexto elaborou unha televisión de cartón na que se poden visualizar as diferentes etapas, da Prehistoria ata a Idade Contemporánea.

Esta actividade enmárcase nun traballo de investigación no que o alumnado afondou nas distintas etapas da Prehistoria e da Historia a través da consulta de diversas fontes de información. Posteriormente, no marco da Biblioteca Creativa do centro, transformaron os coñecementos adquiridos nun produto artístico e manipulativo, empregando unha televisión de cartón como soporte para representar visualmente os períodos estudados.

A etapa na que máis se detiveron foi a Idade Contemporánea, debido á súa relevancia para comprender o mundo actual.

Como peche da actividade, o alumnado realizará unha exposición oral por grupos diante dos seus compañeiros e compañeiras. Cada grupo centrará a súa presentación nun acontecemento histórico concreto, como a Guerra Civil Española, a Segunda Guerra MUndial, ou o Franquismo, compartindo os coñecementos adquiridos e favorecendo a reflexión sobre estes períodos da nosa historia.

10/5/26

PROXECTO ABELLAS EN 4 ANOS

O alumnado de catro anos descubriu a vida das abellas a través de distintas actividades, despois de realizar a visita a Apípolis.
Na mesa sensorial crearon diferentes colmeas para que vivisen as abellas e tamén elaboraron floreiros e flores. Ademais realizaron distintas mandalas de flores con pedras de cores vivas e tamén as construíron con pezas de policubos. Outra das actividades levadas a cabo foi converterse en abellas e recoller o néctar das flores.

8/5/26

OBRADORIO DE IGUALDADE CON ALICCE

 O alumnado de 5º de ed. Primaria participou nun obradoiro de igualdade durante tres sesións que lles deron a oportunidade de debater, analizar, reflexionar, compartir opinións e experiencias, identificar estereotipos, poñer en común,  cooperar e desenvolver a empatía. Moitas grazas, Bibi, por axudarnos a fomentar valores de convivencia e respecto mutuo! 

4/5/26

OS MAIOS EN SEARA

 Todos os anos celebramos no colexio Os Maios, pero este curso foi unha celebración aínda máis especial, xa que pertence a nosa "Galicia Máxica", é unha festa popular que vén de moi antigo (de civilizacións celtas e prerromanas ) e que celebra e exalta a natureza e a chegada da primavera. Aquí tedes o vídeo da celebración e máis abaixo algunhas fotiños dos preparativos e da celebración.


30/4/26

XA TEMOS O NOSO CARANVEXORNAL!!!

 O CaranveXornal de Seara xa está colgado en Caranvexo TV, pinchade no caranvexo para velo.



29/4/26

SAÍDA A APIPOLIS

As crianzas da etapa de Educación Infantil viviron unha experiencia única na visita a Apípolis, unha granxa especializada no mundo das abellas.

Alí realizaron diferentes actividades como cociñar galletas de mel, elaboración de velas artesanais, degustación de mel... que tiñan como obxectivo pricipal achegar aos máis pequenos/as á natureza e conciencialos sobre a importancia destes insectos no equilibrio ambiental.

ACTIVIDADES PONTEAZERO DE ABRIL

 A rapazada de 4º e 5º curso participou na charla-obradoiro "Residuos Con-Ciencia: Ciclo da auga e depuración".


Obradoiro sobre "Os Microplásticos" en 5º de primaria.


Charla-coloquio en 5º: "Evitando o estrago alimentario"

28/4/26

NOTICIEIROS SEMANAIS EN SEXTO

 Ao longo do curso o alumnado de 6º curso estivo gravando as noticias de cada semana en Radio Seara: Noticieiros Semanais 

Podedes escoitalas mirando o seguinte listado (segue para abaixo) e seleccionando as distintas gravacións no noso Ivoox.

27/4/26

PEQUENOS XORNALISTAS EN 1º CURSO

Despois da visita do xornalista Xosé Manuel, do Faro de Vigo, o alumnado de 1º converteuse en auténticos reporteiros de investigación. Animáronse a crear o seu propio xornal, titulado "Faro de Moaña", no que puxeron en práctica todo o aprendido: investigaron temas do seu contorno, realizaron entrevistas, deseñaron anuncios e descibriron que unha boa noticia debe ser actual, interesante e, sobre todo, veraz. Abaixo tedes o seu traballo.

24/4/26

MARCAPÁXINAS POLO DÍA DO LIBRO

O alumnado de 4º de Educación Infantil (3 anos) elaborou estes orixinais marcapáxinas para sinalar os seus libros favoritos.

O proceso de elaboración consistiu en clasificar flores segundo as súas cores cromáticas, escoller as que máis lles gustaban e, finalmente, ensartar contas de distintas tonalidades para completar as súas creacións.

23/4/26

23 DE ABRIL: LECTURA NO PATIO

Unha das actividade para conmemorar a Semana do Libro foi saír ao patio para desfrutar de momentos de lectura ao aire libre, no noso lugar favorito. Alí compartimos historias e fomentamos o gusto polos libros nun ambiente diferente e especial, onde todos e todas gozamos moitísimo.

VISITA DUN XORNALISTA DO FARO DE VIGO

 O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria recibiu a visita de Xosé Manuel, xornalista do Faro de Vigo, que compartiu con eles unha charla sobre o seu traballo. Faloulles de como se buscan as noticias, como se comproban os datos e da responsabilidade e da gran importancia de contar a verdade.

A actividade resultou moi enriquecedora, tanto que o alumnado de 3º decidiu converterse en pequenos xornalistas.

OBRADOIRO DE CORRESPONSABILIDADE

 O alumnado de 4º e 5º de primaria participou nun obradoiro práctico de corresponsabilidade.

20/4/26

OS NOSOS LIBROS FAVORITOS

Empezamos a Semana do Libro coa exposición dos libros favoritos do alumnado. Despois de escribir nuns grandes murais o título do libro favorito de cada un, expuxémolos nun recuncho da entrada do colexio e contamos aos compañeiros e compañeiras porque eliximos ese libro. 

Grazas a tod@s por traer y compartir os vosos libros favoritos, pero, sobre todo, por  contarnos por que o son, regalándonos a vosa maneira de sentir cada unha das historias.

18/4/26

SABELA FERNÁNDEZ EN SEARA

O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria tivo a sorte de coñecer á autora Sabela Fernández, creadora dun dos seus libros favoritos. Durante a visita, os nenos e nenas pasárono xenial facéndolle preguntas sobre a súa obra O ladrón de soños e descubrindo curiosidades sobre o proceso de creación das súas historias.

Como recordo deste encontro tan especial, todos os alumnos levaron o seu exemplar asinado pola autora, un detalle que, sen dúbida, gardarán con moito agarimo.

Moitas grazas por compartir o teu tempo e por regalarlos historias tan marabillosas. 

17/4/26

5º E 6º CURSO VISITAN A COMICON DE MOAÑA

 Aquí tedes unha pequena repeotaxe do alumnado de 5º de Primaria sobre a Comic-con de Moaña.

MÁIS SERES MÁXICOS GALEGOS

 A rapazada de 5º de Primaria investigou sobre algúns seres máxicos galegos dos que non falamos nos calendarios. Podedes ver os seus traballos no segundo andar.


16/4/26

CERTAME DE REGUEIFAS

O mércores 15 de abril a rapazada de 5º de primaria acudiu ao Auditorio Celso Parada para participar nun novo Certame de Regueifas en compañía do resto do alumnado de 5º curso de todos os coles do concello de Moaña. Foi unha experiencia marabillosa e moi enriquecedora.

11/4/26

O ALUMNADO DE 5º CURSO APRENDE A REGUEIFAR

 Na aula de quinto curso o alumnado participou nun obradoiro de regueifas con Pinto d´Herbón e Luis, O Caruncho. A rapazada iniciouse nas regueifas e a súa composición con moito ilusión grazas ao entusiasmo que lle transmitiron estes dous grandes mestres.

10/4/26

DÍA DO AUTISMO: A MAXIA DA DIVERSIDADE

A instalación " A maxia da diversidade", realizada polo alumnado de sexto con motivo do Día Mundial do Autismo, xa se pode ver nos Xardíns do Concello. Esta instalación está formada polos elementos máxicos das distintas criaturas máxicas galegas, uns elementos que fan diferentes a cada unha delas e que as definen. Alí un código QR vos leva ao audio explicativo que o alumnado gravou en Radio Seara, e que podedes escoitar máis abaixo.



9/4/26

MIGUEL ANXO ALONSO DIZ EN SEARA

 Nesta ocasión foron os alumnos de terceiro os que tiveron a sorte de recibir a visita de Miguel co seu libro "Axencia Galega de Asuntos Máxicos".

8/4/26

CONCURSO TOTE BAGS CON EXPRESIÓNS GALEGAS

Cada alumno e alumna de Educación Primaria deseñou unha "tote bag" cunha  frase ou expresión típicas galegas da nosa zona. Quedaron espectaculares!

7/4/26

OBRADOIRO EN CUARTO CURSO

A rapazada de cuarto participou nun obradoiro super-interesante sobre inclusión. Pinchade na foto se queredes saber máis.

 

PRÓXIMA VISITA NA BIBLIOTECA

28/3/26

SERES MÁXICOS GALEGOS

A rapazada de 5º de primaria estivo investigando sobre máis seres máxicos das lendas que viven na memoria e no imaxinario colectivo do noso pobo.

27/3/26

CONTACONTOS DOS RAPACES DO INSTITUTO

Un grupiño de rapaces e rapazas de 2º da ESO do IES  A Paralaia (centro ao que estamos adscritos) viñeron a facer de contacontos co alumnado de Educación Infantil. 

Foi unha mañá máxica, moitas grazas, chic@s!

FESTA DA PRIMAVERA

26/3/26

PRESENTACIÓNS EN 5º CURSO

Os alumnos e alumnas de 5º de primaria prepararon cada un unha presentación sobre un animal que eles mesmos escolleron. Para esta actividade non so tiveron que buscar información, organizala e poñela nunha presentación, se non que tamén tiveron que mellorar a súa expresión oral falando sobre o tema e respondendo ás preguntas dos compañeiros/as.

21/3/26

MES DA POESÍA: ESCRIBIMOS POEMAS

Con motivo do Día da Poesía, o alumnado elaborou orixinais caligramas, unha forma artística de expresión na que as palabras se combinan con imaxes para transmitir mensaxes poéticas de maneira visual. Tamén elaborou acrósticos, uns pequenos poemas nos que se escribe unha palabra cara abaixo (en vertical) e se usa cada unha desas letras para iniciar un verso, ao ler as letras darriba a abaixo descúbrese a palabra secreta.


20/3/26

TRAS O OBRADOIRO DE GUIÓN 5º CURSO GRAVA OS PROGRAMAS

Tras o obradoiro de guión con Radio Espora a rapazada de 5º foi á Radio Seara para gravar por grupos os seus programas. Aquí tedes o resultado:





19/3/26

FESTIVAL DE CINE DOCUMENTAL

O alumnado de 5º de primaria participou no Festival Online de Cine Documental Nanook Docukids. Un festival onde os alumnos e alumnas eran o xurado do festival, e onde cada un votou polas distintas curtas documentais. A rapazada tivo a oportunidade de coñecer historias reais protagonizadas por nenos e nenas de distintas partes do mundo, historias que os fixeron pensar e que mostran situacións desafiantes e diferentes formas de ver o mundo. Na clase o máis votado foi “O meu pai ten alzhéimer”, o segundo posto foi para “A miña historia non contada, Grino” (que é sobre un neno adoptado). Despois quedou “O escondite” e por último “Tasmina: The Horse Girl”. Ademais as películas fixéronlles pensar sobre eles mesmos e entender que as súas opinións son importantes.

18/3/26

TRABALLANDO O GUIÓN CON RADIO ESPORA

 O alumnado de 5º estivo aprendendo como realizar un guión para un programa de radio.

17/3/26

OBRADOIRO CON RADIO ESPORA

 A rapazada de 4º iniciouse no manexo e uso da radio con Radio Espora. Abaixo tedes as súas gravacións:





13/3/26

CREAMOS NOTICIAS XUNTOS!

 Nesta ocasión os alumnos e alumnas máis pequenos debuxaron "a foto" da noticia e os maiores inventaron e redactaron a nova a partir dos debuxos. Aquí tedes o resultado: unhas novas superinteresantes!

E aquí podedes ver parte do proceso:

9/3/26

SEMANA DA PRENSA

 Searín xa repartiu todas as propostas para traballar nesta Semana da Prensa, cantas cousas imos aprender nas aulas! 

Pero no panel da biblio tamén deixou un reto: Cales das noticias credes que son verdadeiras ou falsas?