26/2/21

DEBUXAMOS INSPIRÁNDONOS EN ROSALÍA

Co galo da celebración do Día de Rosalía de Castro, o alumnado de primeiro e segundo encheron o corredor do primeiro andar con debuxos inspirados na nosa escritora máis célebre. 

Así pois, en primeiro decidiron facer retratos de Rosalía inspirándose na canción  "Rosalía pequeniña", e aínda que aparecen Rosalías de todos os tipos, sen dúbida algunha a que triunfou foi a "Rosalía pirata". 




En segundo a inspiración veu dada polo poema "Adiós ríos, adiós fontes" e a partir do mesmo realizaron uns cadros preciosos cheos de cor e formas. 




Noraboa polo traballo rapazada!!



24/2/21

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!

 O 24 de febreiro celebramos o nacemento da nosa escritora máis célebre: Rosalía de Castro.  Este ano quixemos homenaxeala poñendo música aos seus poemas máis coñecidos e a verdade é que non podemos estar máis orgullosos do gran traballo que fixemos! 

O alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria cantaron a célebre canción de Uxía "Rosalía pequeniña".

         

O curso de 3º de Primaria animouse a cantar o poema "Maio longo".

   


A rapazada de 4º de Primaria tamén nos deleitou cantando o poema "Has de cantar" dende a radio.

 

 O alumnado de 5º e 6º animouse a subir á radio a rapear “Adiós ríos, adiós fontes” e “Negra sombra”. 





23/2/21

CELEBRAMOS O ENTROIDO!

 Aquí vos deixamos unha pequena mostra da celebración do día do Entroido no noso cole. Como xa vén sendo tradición, cada curso cantou a murga que creou na súa clase. Este ano, como non podía ser doutra maneira,  o tema máis comentado foi a nosa vivencia co Covid-19. Os maiores do cole ademais construíron un "coronameco", leron o seu testamento e todos asistimos á súa queima. 

Esperamos que vos guste!

22/2/21

A RECICLAXE NO ENTROIDO!

Se algo estamos aprendendo este curso co noso proxecto é que podemos facer infinidade de cousas bonitas a partir da reciclaxe. No vídeo recóllese unha pequena mostra da imaxinación do noso alumnado xunto coas súas familias para traer ao colexio todo tipo de accesorios durante a semana do Entroido. 

Os taboleiros do Pinterest para inspirarvos non se achegan ás marabillas que atoparedes no vídeo!




18/2/21

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O día 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. 

Este día foi proclamado no 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de conseguir o acceso e a participación total e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o seu empoderamento.

Cómpre  lembrar que a ciencia e a igualdade de xénero son vitais para acadar os ODS incluídos na Axenda 2030. 

O noso alumnado participou nas charlas de mulleres científicas que o Faro de Vigo ofreceu aos centros participantes nos proxectos do Faro da escola. A través da plataforma Zoom puideron coñecer a Marta López, Luísa Martínez e Eva Balsa-Canto, científicas do CSIC que lles explicaron como foron as súas carreiras e como son as súas vidas de científicas, ademais de moitas cousiñas interesantes. Tamén tiveron a oportunidade de facerlles preguntas e así poder saber máis acerca do mundo científico feminino. 








A continuación recóllense as lecturas que Searín seleccionou para este día, así coma un vídeo que explica moi ben a súa importancia. 




15/2/21

21 días en galego: dicionarios da clase de segundo

Tomando como punto de partida o material sobre a palabra do día compartido polos nosos compañeiros do CEIP Plurilingüe de Tirán, na clase de 2º E.P., traballaron unha palabra en galego cada día e elaboraron os seus propios dicionarios.



NO MORE MATILDAS

Co galo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, o alumnado de 6º subiu á radio para explicarnos que significa o hashtag #Nomorematildas.