Mostrando entradas con la etiqueta Curso 2020-2021. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Curso 2020-2021. Mostrar todas las entradas

21/1/22

FORMACIÓN EN CUARTO CON RADIO ESPORA

Hoxe  a rapazada de cuarto tivo unha formación moi interesante sobre radio que correu a cargo de Denís, integrante de Radio Espora.

Despois dunha sesión explicativa na clase foron por grupos a Radio Seara, a gravar os guións sobre os diferentes vertebrados que prepararon e, sobre todo, a aprender como se manexa a nosa radio.

Aquí tedes os podcats sobre os animais vertebrados que gravaron, e máis abaixo algunhas fotiños.


 










2/12/21

BIBLIOTECA INCLUSIVA

O día tres de decembro é o día das persoas con diversidade funcional. Imos celebralo poñendo pictogramas na nosa biblio. Por unha biblioteca máis INCLUSIVA.

17/6/21

AVENTUREIRAS INTRÉPIDAS: MARY KINGSLEY

Xa está aquí a última entrega do programa "Aventureiras intrépidas" deste curso 2020/21. Unha vez máis, o alumnado de terceiro subiu á radio para achegarnos unha nova muller que marcou un antes e un despois para a súa época: Mary Kingsley

 A exploradora e escritora viviu aventuras moi perigosas arriscando a súa vida, mais a súa intelixencia e valentía valéronlle para continuar coa súa paixón sen decaer en ningún momento. 

Vaivos encantar este novo episodio, pois está cargadiño de curiosidades e viaxes cheas de peripecias.

Parabéns unha vez máis terceiro, polo gran traballo que fixestes!!

 Moitas grazas por este programa fascinante!!

8/6/21

AS AVENTURAS DE SALTÓN NO CAMIÑO

Os rapaces e rapazas de terceiro estiveron lendo durante este trimestre o itinerario lector "As aventuras de saltón no camiño" de Arnold Lobel. Gustoulles tanto que imaxinaron e escribiron outras aventuras que podería vivir Saltón. Así pois, subiron á radio para poder contárnolas a todos. 

Seguro que despois de escoitar as súas aventuras te animas a ler o libro que ten Searín na biblio. 

Bo traballo rapazada!!

4/6/21

OS HERBARIOS DE 6º

O alumnado de sexto estivo nas últimas semanas inmerso no ODS 15 "Vida de Ecosistemas Terrestres" realizando uns marabillosos herbarios para os que precisaron investigar, recoller mostras das plantas seleccionadas e apuntar  e resumir toda a información. O resultado vai ser exposto na próxima semana na biblioteca, para que o resto do alumnado do centro poida velo e tamén aprender máis cousiñas sobre a flora que nos rodea. 

Aquí tedes só unha pequena mostra do espectaculares que quedaron os herbarios!! 

Parabéns polo traballo sexto!!

"O MAR COMEZA AQUÍ". 8 DE XUÑO: DÍA DOS OCÉANOS

Chegou xuño, o bo tempo e con el unha das actividades que xa tiñamos programadas dende hai tempo para celebrar o Día dos Océanos . Baixo o lema "O mar comeza aquí" e en colaboración co Concello de Moaña, o noso alumnado comezou a realizar unha actividade que ten como obxectivo concienciar ás persoas da nosa vila e a aquelas que a visitan, da importancia de non tirar lixo na rúa, pois é probable que acabe no mar. Así pois, moitos dos sumidoiros que rodean o noso colexio comezaron a tinguirse de cores xunto á devandita frase para chamar a atención de todos os transeúntes. 

Oxalá sexamos capaces de crear conciencia e deixemos de ver lixo coándose polos buratos dos sumidoiros, e así os nosos mares e océanos poidan estar libres de residuos contaminantes. 

Aquí tedes unha mostra do alumnado de 5º e 6º, pois foron os primeiros en comezar!

Parabéns polo traballo, rapazada!!

1/6/21

AVENTUREIRAS INTRÉPIDAS: AMELIA EARTHART

Todos estabamos desexando que chegara unha nova entrega do programa "Aventureiras intrépidas". Despois de ter a oportunidade de coñecer mellor a Wangari Maathai e Nelly Bly, o alumnado de 3º volveu subir á radio para agasallarnos coa historia doutra muller valente que marcou historia: Amelia Earthart, a muller piloto máis famosa de todos os tempos.

Preparados para gozar coa traxectoria desta muller tan interesante? Preme no reprodutor e quédate ata o final! 

Parabéns polo traballo, terceiro!

31/5/21

Contacontos en infantil

Hoxe, o alumnado de Infantil tivo unha visita moi especial: a contacontos Uxía que lles narrou a historia dun mundo de persoas redondas e como o Deus grego Zeus corta a cada individuo de forma diferentes, facendo fincapé nas relacións das persoas a pesar das súas diferenzas. 
 



Moitas grazas ao Concello de Moaña, xa que foi o encargado de organizar esta sesión para os nosos pequechos e pequechas!.
 

27/5/21

ENCONTRO LECTOR CON ANTÍA YÁÑEZ

Hoxe, o alumnado de 5º A tivo a posibilidade de coñecer a Antía Yáñez, a autora do libro que estiveron lendo durante este curso como itinerario lector. Así, Antía puido compartir con todos eles unha sesión na que falaron do proceso de elaboración de "Plan de rescate", intercambiaron opinións sobre os personaxes e souberon un pouquiño máis da escritora. 




Moitas grazas Antía!

24/5/21

AVENTUREIRAS INTRÉPIDAS: NELLY BLY

 Xa temos unha segunda entrega do programa "Aventureiras intrépidas"!! Desta volta o alumnado de 3º centrouse nunha muller cunha traxectoria moi interesante: a xornalista e aventureira Nelly Bly. 

Xa veredes que interesante é o programa de hoxe! Xa vos aviso de que ides quedar engaiolados co programa ata o final!!

AS FAMILIAS TAMÉN CONTAN!!

Co galo do Día do Libro, as familias da clase do mandilón vermello de infantil viñeron diferentes días a contarlle aos pequechos e pequechas contos. Pasárono xenial con todas as historias que lles contaron!! Aquí tedes un resumo desta experiencia tan chula que tiveron!! 



Moitas grazas familias!!

17/5/21

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

 

Con este precioso barco, que parte da silueta do casco do Rainbow Warrior e e nas súas velas ondean as palabras "Ándanme as mans sempre facendo praias imposibles" queremos rendir homenaxe á Xela Arias, porque ademais de escritora, poetisa e tradutora, Xela foi unha persoa que defendeu a paz, se comprometeu coa igualdade entre homes e mulleres e tamén co medio ambiente, ao igual que o camiño que nós estamos seguindo dende aquí co noso PDI.


16/5/21

XELA ARIAS

Para descubrir a beleza da nosa lingua nada mellor que coñecer aos clásicos da literatura, nesta faceta como en moitas outras XELA marcou un camiño coas pegadas dun XABARIN.



3/5/21

ITINERARIO LECTOR 3º

 Na clase de 3º este curso están inmersos na lectura do libro "A nena, o monstro e o mar" de Teresa González Costa. Gustoulles tanto que fixeron un recuncho na entrada da aula cun montón de traballos manuais que fan alusión á súa personaxe principal e aos escenarios que foron recorrendo ao longo da lectura do conto. 









AVENTUREIRAS INTRÉPIDAS: WANGARI MAATHAI

Despois de realizar o obradoiro "Aventureiras intrépidas" con Charo Pita, o alumnado de 3º seguiu investigando sobre as mulleres valentes que se atreveron a romper moldes e cambiar a historia. 
Desta volta, achégannos dende a radio a interesante historia de Wangari Maathai. 

Quedades a escoitala? É moi interesante e seguro que vos encanta saber a cantidade de cousas importantes que fixo por África e tamén polo noso planeta. 

19/3/21

8 MULLERES DO MUNDO DA MÚSICA

Dende a materia de música tamén se fixo unha aportación á celebración do Día da Muller. Consistiu en realizar dous padlets, un co alumnado de 6º A e o segundo co de 6º B. Cada neno/a elixiu unha muller ou grupo musical formado por mulleres do mundo da música (cantantes, compositoras, instrumentistas, etc) cuxa traxectoria está sendo ou foi decisiva para marcar pegada nos diferentes estilos musicais e por tanto, na historia da música. 

A verdade é que xurdiron eleccións moi interesantes e a todos nos gustou un montón coñecer máis de preto a algún dos referentes elixidos. Aínda que só oito foron as elixidas para poder levar á radio, todas nos parecen máis que importantes para ter en conta neste día. 

Esperamos que vos guste! Bo traballo rapazada!


Hecho con Padlet

Hecho con Padlet

16/3/21

AS FLORES DE SEARA POR CARLA COSTAS

Gustouvos tanto o proxecto de decoración que Carla e a profe Salomé realizaron para o Día da Muller, que nos pareceu unha idea xenial poder coñecer o paso a paso para así poder facelo todos nós cando queiramos, no cole ou nas nosas casas coa familia. 
Pois aquí tedes o vídeo que gravou Carla co paso a paso do proxecto para facilitarnos a tarefa.

   


Moitas grazas Carla!! Seguro que un montón de nenos e nenas se animan a facelo, pois o resultado é espectacular!!

15/3/21

8 M: YOLANDA PASTORIZA

 O xoves 12 de marzo e dentro das visitas programadas para celebrar o día da Muller, visitou a aula de primeiro de Educación Primaria a mestra composteira Yolanda Pastoriza.

Os nenos e nenas prepararan previamente unhas preguntas e ela foi respondéndoas. Así faloulles de:

• Como se elabora o compost e para que serve.
• Que cousas se poden botar na composteira e cales non.
• Distribución das composteiras pola vila de Moaña.
• Diferenzas das composteiras dependendo das zonas.

Ademais comentounos que todas as persoas que se dedican a coidar e elaborar o compost no Morrazo son mulleres e que para chegar aquí tiveron que pasar varias probas.

Animou a todos e todas a reciclar e colaborar no coidado da nosa vila e de todo o noso planeta.





 

8 M: A AVOA DE BORJA E MARA PÉREZ

Elisa, a avoa de Borja foi mariscadora durante moitos anos, e aínda que xa está xubilada, accedeu a vir ao colexio a contarlles toda a súa sabedoría e experiencia ao alumnado do sexto curso. Falaron de como mudou o marisqueo dende comezou a traballar ata que se xubilou, os traxes, as ferramentas, o número de traballadores e traballadoras, etc. 


Moitas grazas Elisa por compartir este día con nós!!

Foi unha charla tan interesante, que Paula de 6º B decidiu plasmar en formato cómic a súa visita. Mirade que chulo lle quedou! Grazas Paula pola aportación! Seguro que a Elisa lle encanta!