Mostrando las entradas con la etiqueta ods 14. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta ods 14. Mostrar todas las entradas

4/6/21

"O MAR COMEZA AQUÍ". 8 DE XUÑO: DÍA DOS OCÉANOS

Chegou xuño, o bo tempo e con el unha das actividades que xa tiñamos programadas dende hai tempo para celebrar o Día dos Océanos . Baixo o lema "O mar comeza aquí" e en colaboración co Concello de Moaña, o noso alumnado comezou a realizar unha actividade que ten como obxectivo concienciar ás persoas da nosa vila e a aquelas que a visitan, da importancia de non tirar lixo na rúa, pois é probable que acabe no mar. Así pois, moitos dos sumidoiros que rodean o noso colexio comezaron a tinguirse de cores xunto á devandita frase para chamar a atención de todos os transeúntes. 

Oxalá sexamos capaces de crear conciencia e deixemos de ver lixo coándose polos buratos dos sumidoiros, e así os nosos mares e océanos poidan estar libres de residuos contaminantes. 

Aquí tedes unha mostra do alumnado de 5º e 6º, pois foron os primeiros en comezar!

Parabéns polo traballo, rapazada!!

15/3/21

8 M: A AVOA DE BORJA E MARA PÉREZ

Elisa, a avoa de Borja foi mariscadora durante moitos anos, e aínda que xa está xubilada, accedeu a vir ao colexio a contarlles toda a súa sabedoría e experiencia ao alumnado do sexto curso. Falaron de como mudou o marisqueo dende comezou a traballar ata que se xubilou, os traxes, as ferramentas, o número de traballadores e traballadoras, etc. 


Moitas grazas Elisa por compartir este día con nós!!

Foi unha charla tan interesante, que Paula de 6º B decidiu plasmar en formato cómic a súa visita. Mirade que chulo lle quedou! Grazas Paula pola aportación! Seguro que a Elisa lle encanta!





14/3/21

8 M: A MAMÁ DE SIMÓN E IAGO LÓPEZ

Na clase de segundo tiveron a sorte de compartir este día con Gema, a mamá de Simón e Iago. Gema  forma parte do control de calidade dunha empresa de conservas, un dos sectores máis característicos da nosa comunidade. Así pois, puideron aprender moitas cousas sobre as conservas, os beneficios das mesmas e o seu proceso de elaboración e tamén facerlle moitas preguntas interesantes sobre o seu traballo. 

Moitas grazas Gema por compartir con nós este día! 





13/3/21

8 M: A MAMÁ DE ÉMIL E IVÁN GALANSKY

O mércores, Rebeca (a nai de Iván e Émil), estivo en infantil. Ela é bióloga mariña, así que lles explicou aos pequechos e pequechas o que é ser "científica", a importancia de observar o medio no que vivimos e que temos que coidar a tódolos seres vivos que se atopan no mar, se non queremos que deixen de existir.


 

Ademais levoulles un mural moi chulo para ensinarlles mellor a xestión das limitacións de zonas para pescar e o que significa ese sinal con forma circular e unha liña branca no medio (non podemos coller peixe nese lugar). 

 

 Moitas grazas Rebeca por compartir este día con nós!!

8 M: A MAMÁ DE ARI E NAYARA RODRÍGUEZ

 Susana, a mamá de Ari e Nayara estivo en 4º de primaria contándolles o duro que é o traballo subida a unha batea, pois ela é unha muller bateeira. 

Explicoulles os diferentes traballos que teñen que facer as traballadoras do mexillón para que nós poidamos apreciar este rico produto da acuicultura moañesa. Ademais  mostroulles fotos e vídeos para entender mellor o seu traballo. 



Moitas grazas Susana por compartir con nós este día!!


8 M: A MAMÁ DE AROA GONZÁLEZ

O martes, estivo na clase dos mandilóns morados Eva (a nai de Aroa G). Traballa nunha fábrica de conservas, polo que lles explicou de primeira man o procedemento que vai dende a recollida do peixe ou marisco ata o seu envase en latas de conserva.

Tamén lles mostrou diferentes vídeos e fotos do proceso para así poder entendelo mellor.  O que máis lles gustou foi poder ver as máquinas que manexan en pleno funcionamento!


 

Moitas grazas Eva por compartir con nós este día!!

11/3/21

8 M: A MAMÁ DE AROA LENS


Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, na clase de 5º A tiveron unha invitada moi especial, Sonia, a nai de Aroa.

Sonia leva traballando desde fai xa moitísimos anos en diferentes fábricas de alimentación nas que o produto principal vén do mar.

Contounos como lle traen grandísimas cantidades de langostinos e calamares en bloques conxelados de sitios de moi lonxe como Arxentina e outros lugares. Tamén como se organizan os turnos, o funcionamento da cadea de traballo, os cambios nas cantidades de produto en función da época do ano e ata puideron coñecer como se realiza a limpeza, corte e preparado para a venta de langostinos e calamares. 

Foi moi interesante coñecer o seu traballo, pero o mellor de todo foron o cariño e a ilusión cos que nolo transmitiu.

Moitísimas gracias Sonia!!!







10/3/21

8 M: A AVOA DE CARLA RIOBÓ

 Pili, a avoa de Carla Riobó, visitou hoxe a clase de 5ºB para falar do seu traballo como mariscadora. 

Empezou moi nova recollendo ameixas e croques, cando o marisqueo a pé non estaba regulado como hoxe en día, e calquera podía sacar uns cartiños mariscando na Xunqueira.

Pili recalcou o gran cambio que supuxo regularizar o mariqueo a pé: cotizar polo traballo e ademais gañarse a vida con el.

Xa hai uns anos que Pili está xubilada e aínda que o seu traballo era moi duros, bótao de menos.




8 M: A MAMÁ DE MARCOS RÚA

Merchi, a nai de Marcos Rúa, veu hoxe ao noso cole a contarlle ao alumnado de terceiro os traballos que tivo, pois primeiro foi mariñeira durante quince anos, e desde hai uns dez traballa de redeira. Explicoulles en que consiste o seu traballo e grazas a ela souberon un montón de datos: como se organizan, canto tardan en facer un aparello, canto pode chegar a medir, a diferencia entre atar e armar... Incluso trouxo as agullas, a corda e un pequeno aparello para mostrarnos. Foi interesantísimo!!!

Dende aquí queremos agradecerche Merchi poder compartir connosco toda a túa sabedoría e experiencia. Moitas grazas!!





 

8/3/21

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

No noso cole o 8 de marzo é un día importante. Este curso quixemos contar con aquelas mulleres que forman parte da comunidade educativa e están vinculadas ao proxecto de centro. 
 
Así, ao longo desta semana diferentes mamás, avoas e traballadoras de Moaña virán contarnos a súa experiencia profesional xunto a outros moitos temas interesantes e conectados á igualdade no traballo.
 
Hoxe o alumnado de sexto curso e infantil tivo a sorte de asistir á charla que nos ofreceu a presidenta das mariscadoras a pé de Santa Lucía de Moaña: Dolores Álvarez. 

Dolores estivo contándolle ás crianzas en que consiste o seu traballo e o das súas compañeiras, vantaxes e dificultades, o número de homes e mulleres que o forman e mesmo como o cambio climático está afectando ao mar e as súas especies. 
 
Foi unha charla moi interesante e dende aquí queremos dárlle as grazas a Dolores por compartir a súa sabedoría e experiencia neste día con nós.

20/1/21

OS ESCORNABOTS E O PDI EN INFANTIL

Os nenos e nenas de infantil tamén están inmersos no PDI, concretamente traballando o ods 14 "Vida submarina". Así pois, aprenderon sobre moitas especies mariñas e as súas características a través deses "robots" que a eles lles gustan tanto, os escornabots.