13/2/21

DÍA MUNDIAL DA RADIO

Hoxe, 13 de febreiro, é o Día Mundial da Radio e o alumnado de valores de 2º pareceulle que era o día indicado para publicar as súas ideas para mellorar o planeta que foron gravar á Radio Seara. A radio ten o poder de comunicar e de chegar a un número moi grande de persoas e iso é o que as crianzas de segundo queren: que todos poidades escoitar as súas ideas e consellos para que entre todos poidamos facer mellor as cousiñas seguindo a aprendizaxe do noso PDI.  



E ti? Anímaste a levar a cabo as súas indicacións?

Bo traballo, rapaces/as!!

11/2/21

ITINERARIOS LECTORES: OS MEGATOXOS

O alumnado de sexto está inmerso na lectura do libro "Os Megatoxos e o aprendiz de druída" do escritor Anxo Fariña. Gustoulles tanto que decidiron realizar ilustracións da obra en distintos soportes: lousa, papel ou lenzo, e así poder expoñelas na nosa biblioteca acompañando ao libro. Incluso gravaron un vídeo coa representación dun anaco da obra que sen dúbida vos animará a ler o libro!

Hai que ver que artistas tan grandes temos no noso cole! Parabéns polo traballo e grazas por compartilo con todos nós!!









8/2/21

NOVOS LIBROS NA NOSA BIBLIO

 O noso estante de novidades está ateigado de libros que foron chegando á biblioteca recentemente. Cómics, poesía, álbums ilustrados...estanvos esperando para poder acompañarvos nas próximas lecturas. E ti...por cal vas comezar? 





5/2/21

ENTROIDO 2021 EN SEARA

Amiguiñas e amiguiños! A meca xa está na entrada do cole coas ordes preparadas para comezar o tempo de entroido o próximo luns. Este ano os maiores crearon a meca seguindo as características do noso proxecto: reutilizando e reciclando un montón de cousas. Xa vistes que orixinal e elegante está? Pois agora poñede atención ás ordes e sacade toda esa imaxinación e creatividade que levades dentro para sorprendernos a semana que vén.

4/2/21

O 1º CARANVEXORNAL DO CURSO XA ESTÁ AQUÍ!

Xa está aquí o 1º caranvexornal deste curso e non podemos estar máis contentos de poder ver o seu resultado! Nel podedes atopar un montón de noticias relacionadas co funcionamento do cole este curso tan estraño para todos e todas nós, aprender a canción das "Mans limpiñas", ver entrevistas en directo ou saber máis sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que forman parte do noso PDI "Camiñando cara o 2030". 

Desfrutádeo!!


1/2/21

FELIZ DÍA DA PAZ!

Este curso, seguindo as directrices do PDI "Camiñando cara o 2030", polo Día da Paz realizamos unha coreografía onde o plástico foi o principal protagonista e instrumento musical para acompañarnos. Co alumnado de Infantil no centro do campo tirando diferentes envases nunha rede mariña exposta no chan, quixemos simbolizar o perigo que sofren os nosos océanos. Coa música que o compositor Carl Orff creou para os poemas medievais "Carmina Burana" o alumnado de primaria conseguiu expresar e representar a guerra dos plásticos á que nos enfrontamos nos nosos días e á que debemos poñer fin canto antes. 

Noraboa polo gran traballo que fixestes todas e todos!!


O mundo de Inho

 Enmarcado na campaña de 21 días en galego, o alumnado de 6º E.P. participou neste obradoiro desenvolvido por AGAL (Asociación Galega da Lingua) que ten por obxectivo amosarlles aos alumnos e alumnas diferentes chaves culturais do mundo lusófono.

Este son algúns dos materiais empregados para o seu desenvolvemento. En 6º quedaron encantados, están desexando repetir no instituto.