21/12/20

Participamos na iniciativa "Moaña Libre de Plásticos"

En relación co noso PDI de centro ("Camiñando cara o 2030"), tivemos a visita dunhas expertas en sostibilidade que nos falaron da importancia que ten a redución do uso e consumo de plásticos, así como de depositalos no seu lugar correspondente en vez de tiralos ao medio ambiente.



Grazas ao Concello de Moaña, por facer posible este tipo de iniciativas, tan necesarias para a natureza e para a nosa saúde.

Se queredes profundizar máis nesta proposta, pinchade aquí:

http://moana.libredeplasticos.gal/














17/12/20

OS EXPERIMENTOS DE 4º DE PRIMARIA

 O alumnado de cuarto curso levou dous experimentos aos compañeiros/as de segundo. 

O primeiro deles consistiu en meter dentro dun vaso un papel arrugado de xeito que non caia se se lle dá a volta. Colleron ese vaso e metérono boca abaixo nun caldeiro con auga. Se vai dereitiño o papel non se molla pois quedou aire dentro, e ao torcelo sae o aire, entra a auga e móllase o papel. O aire ocupa un espazo. 




Experimento 2: nun prato cunha pouca auga puxeron unha candea acesa e tapárona cun vaso. Primeiro apágase a candea por falta de osíxeno e despois a auga do prato pasará a dentro do vaso e fará que a candea se eleve pola diferencia de presión. 



Bo traballo cuarto!! Seguro que os vosos compis gozaron un montón cos experimentos!! 


15/12/20

LECTURAS PARA SOÑAR

Como cada ano así que se achega o Nadal, compartimos con vós as guías de lectura elaboradas pola coordinadora dos Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo.  

O lema deste ano é "Move o corazón da túa vila, visita a túa libraría". Un lema realmente fermoso e que cobra máis significado nestes momentos que vivimos. Así que animámosvos a mercar nas librarías que tedes preto da casa onde vos recomendarán contos que vos encantarán e o trato será máis achegado. Ademais, contribuirás a reducir a túa pegada de carbono... todo son vantaxes! 

As guías que o alumnado levou para a casa están cheas de novidades e adaptadas segundo as diferentes idades para que vos sexa máis fácil elixir. Searín xa está tomando nota dos libros que nos faltan na biblio para agasallarnos con eles á volta do Nadal. 

Este Nadal comparte lecturas cos teus, soñade xuntos. 



14/12/20

O alumnado de quinto aprende a traballar coa radio

Neste mes de decembro, as clases de quinto tiveron unha xornada de formación en radio da man de Radio Espora. Distribuídos por grupos, iniciáronse no manexo da tecnoloxía radiofónica e gravaron varios programas distintos.





O EXPERIMENTO DE SEXTO DE PRIMARIA

O alumnado de 6º curso levoulle aos compañeiros/as de 4º varios experimentos cos que sen dúbida quedaron abraiados, pois molan un montón! Aquí tedes as fotos do día que realizaron a demostración dos experimentos así como a presentación onde explican o paso a paso do proceso e os materiais que necesitaron. 

Parabén polo traballo sexto! Cantas cousas aprendemos na Semana da Ciencia, non si?       









11/12/20

SEARÍN EN FORMATO 3D

Por fin comezamos a usar a impresora 3D! Aínda que chegou á biblio no segundo trimestre do curso pasado, co confinamento non puidemos gozar dela ata agora.
E como non podía ser doutra maneira, o primeiro que imprimimos foi a nosa mascota "Searín". Aproveitando que necesitabamos un cuño para selar os eco-retos que imos conseguindo, utilizamos tapóns de deterxente aos que pegamos a cabeciña de Searín e....voilá! Maxia! 

A que quedou xenial o noso selo de Searín? El está encantado de ser o protagonista dos nosos carnés e aparecer neles cada vez que logramos un eco-reto!. 









10/12/20

Obradoiro de radio con Charo Pita

A semana pasada o alumnado de sexto curso tivo a sorte de asistir ao obradoiro "Teatro lido" da escritora e narradora Charo Pita. Entre os obxectivos da formación están a animación á lectura colectiva en voz alta, expresar as emocións a través da voz ou fomentar o coñecemento da voz e do corpo como instrumentos comunicativos.  Así pois, o alumnado coñeceu técnicas e obtivo ferramentas para mellorar a comunicación en diferentes contextos, entre eles, a radio escolar. 

Aquí tedes un vídeo do resumo da sesión. Seguro que o alumnado de sexto aproveitou ao máximo a formación e nos sorprende en breve en Radio Seara poñendo en práctica as súas aprendizaxes.