25/4/18

DÍA DO LIBRO: OS CONTOS E A CIENCIA

O 23 de abril inauguramos na nosa biblioteca a exposición "Os Contos e a Ciencia". Nela podemos ver o traballo realizado nas distintas aulas e a íntima relación que hai entre a Literatura e a Ciencia.
O alumnado de tres anos chegou ao mundo dos sentidos a través do conto de "Carapuchiña vermella". Os nenos e nenas de catro e cinco anos traballaron as cores, as súas mesturas e a importancia da cor branca a través de dous  libros: "Cores" de Hervé Tullete e "O branco non pinta" de Antía Otero e María Brenn.
En primeiro curso, e a través dos libros de Eric Carle, aprenderon sobre os artrópodos. En segundo, co libro de "Alicia no país das marabillas", as proporcións.
En terceiro, descubriron "Pinocho" e a súa relación cos autómatas, os robots e o libro "Fred Quincalla" de Teresa González Costa. En cuarto, con "O Principiño" aprenderon cousas dos planetas, as plantas e as flores, a migración das aves e a imaxinación.
O alumnado de quinto con "Peter Pan" investigou entre outras cousas sobre o volume, a masa e a razón pola que Peter Pan podía voar. E en sexto sorprendéronse ao descubrir como Xulio Verne foi un adiantado ao seu tempo e a moitos descubrimentos científicos.
E tampouco podemos esquecer a espectacular nave que nos fixo a profe Jeny e onde expusemos todos os libros relacionados co sistema solar e o universo.
Non vos perdades as fotos e noraboa a todos polo voso traballo!

No hay comentarios:

Publicar un comentario