30/11/20

ECO-RETO MES DECEMBRO

En decembro, imos reflexionar sobre o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 12 "Consumo Responsable" xa que, veñen épocas nas que mercamos por inercia e sen pensar se realmente é necesario aquilo que adquirimos.

Ao longo deste mes, compartiremos convosco as ideas que teñan as pequenas e os pequenos para evitar gastar os cartos de maneira compulsiva e sen análise.

26/11/20

Rechouchíos

 Chegan os novos rechouchíos telemáticos, sen público presencial, gravados no Centro Cultural Daniel Castelao e retransmitidos ao vivo pola canle de Facebook.



25/11/20

25 DE NOVEMBRO

Este curso escolar sumámonos á iniciativa do Concello de Moaña realizando lecturas, debuxos, murais pósters e vídeos onde reivindicamos a igualdade entre homes e mulleres e a loita contra a violencia machista. O Concello regalounos unhas máscaras coas que puidemos dar maior visibilidade a este día. 

Aquí tedes unha mostra dos traballos do noso alumnado!! Bo traballo rapazada!!






































24/11/20

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA

Cada novembro como xa é costume celebramos o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Este curso escolar dende a Asesoría de Bibliotecas iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Xurxo Mariño Alfonso, profesor, investigador e divulgador científico. O autor salienta que este mes "... é unha oportunidade estupenda para deixarse enfeitizar pola maxia dos libros e do coñecemento que atesouran."

No colexio, cada titoría estivo durante este mes realizando diversos experimentos. Investigaron, atoparon problemas durante a súa execución, buscaron solucións e quedaron abraiados vendo os resultados! O mellor de todo é que esta semana tiveron que presentar os seus experimentos aos compañeiros doutras clases, e así a aprendizaxe toma sentido completo. 

Durante a primeira semana de decembro iremos colgando no blog cada un dos experimentos que cada clase realizou. Estade ben atentos!! 




23/11/20

OS ODS POLO ALUMNADO DE SEGUNDO

O alumnado de segundo curso estivo inmerso na aprendizaxe dos 17 Obxectivos de desenvolvemento Sostible da axenda da ONU para 2030. Unha vez coñecidas e interiorizadas as características de cada un deles, realizaron os seus propios debuxos para ilustrar cada un dos obxectivos. Ao finalizar expuxéronnos nunha das paredes da súa clase para telos ben presentes durante este curso. 
Non me digades que non se entenden moito mellor así os ODS!! Un resultado marabilloso!

Parabéns segundo!!

 

20/11/20

APRENDEMOS COS ESCORNABOTS

Os pequechos e pequechas do cole, iniciáronse no manexo dos escornabots xogando cos contos clásicos e os seus personaxes. Así pois, partiron daqueles contos que todos e todas coñecen para xogar coa relación e manexo destes robots tan interesantes para eles. 





Vinte Coa Lingua

 O 19 de novembro asistimos in streaming aos 20 anos do Correlingua pois non foi posible celebralo en maio de 2020. Compartimos a ilusión por seguir moitos anos máis co Correlingua aínda que non poida ser coma nos gustaría.










Gozamos coa presentación e o manifesto de Isabel Risco e bailamos co concerto da Gramola Gominola.

9/11/20

Traballamos o Magosto

 Unidade didáctica para Educación Infantil e Educación Primaria elaborada polos EDLG de varios centros de ensino da Coruña con diferentes textos, actividades e manualidades para celebrar esta festa.


2/11/20

RECUNCHO ARGALLEIRO

O curso pasado estabamos inmersos na creación do noso recuncho argalleiro cando chegou a pandemia e tivemos que irnos para a casa. Este curso, por fin, puidemos utilizar este canto para poder deixar voar a nosa imaxinación e poder crear, xogar e manipular diferentes ferramentas que fan que a experiencia dos nosos nenos e nenas na biblio sexa máis pracenteira. 







1/11/20

COMEZAMOS COS ECO-RETOS!!

 Este mes de novembro imos comezar cunha proposta moi interesante impulsada por Voz Natura e Searín de acordo co noso PDI "Camiñando cara o 2030".   

Chámase "Eco-Retos" e consiste en promover accións e hábitos necesarios para acadar os obxectivos da Axenda 2030 (diminución de plásticos de un só uso, reciclaxe, eficiencia enerxética, hábitos de consumo responsable…)

Cada un de vós terá un carné co seu nome no que irá rexistrando aqueles retos que consiga cumplir ao longo deste curso. Esperamos que logredes realizalos todos, pois haberá unha recompensiña ao esforzo e constancia!.

Comezamos co eco-reto do mes de novembro?