Nos primeiros días de clase, na aula de 3º, estiveron traballando o pensamento diverxente e a creatividade.
Partindo de diferentes formas e debuxos que, a primeira vista, parecían representar algo evidente, o alumnado tivo que deixar voar a imaxinación e transformalos en algo completamente diferente. E apareceron ideas do máis variadas e orixinais!
Ao rematar, chegamos a unha conclusión moi importante: ante unha mesma forma poden xurdir moitas ideas diferentes, porque non sempre hai unha maneira de ver as cousas!
Na gala de fin de curso do Faro da Escola o noso centro acadou o Segundo Premio de Artigos de Opinión e un accésit especial "Mellor Sección Clasificados".
Nos recreos a biblioteca do cole convértese en moito máis ca un espazo para a lectura. Entre andeis e libros, o alumnado atopa tamén un lugar para compartir, aprender e divertirse dun xeito diferente.
Os xogos de mesa ocupan un papel protagonista, favorecendo a convivencia, o respecto polas normas e o traballo en equipo, ademais os que se animan co xadrez desenvolven a concentración e o pensamento lóxico.
Na nosa biblioteca tamén teñen unha presenza destacada os xogos de construción, que estimulan a creatividade e a imaxinación. Con eles a rapazada experimenta, crea e colabora. Ademais a biblioteca énchese de vida con outras actividades como tocar o piano, descubrir novos xogos ou participar en obradoiros organizados por profes ou alumnos e alumnas. Por exemplo, o obradoiro de calceta, organizado polas rapazas de cuarto, permitiu desenvolver habilidades manuais e crear vínculos entre o alumnado.
A biblioteca do colexio ensínanos que tamén se aprende xogando, conversando, creando e gozando xuntos. Pero, sobre todo, queremos que a nosa biblioteca sexa un lugar onde cada neno e nena poida atopar o seu espazo e medrar como persoa.
Deixámosvos aquí un vídeo dalgúns momentos de recreos na biblio.
Ademais das medallas que acadaron moitos dos nosos alumnos e alumnas, o Ceip Seara quedou no terceiro posto por colexios. Isto foi posible grazas a alta participación do alumnado de Seara. Parabéns a todos e todas!!!
Os alumnos e alumnas de 1º da ESO do IES Paralaia estiveron compartindo unha xornada de contos dramatizados co noso alumnado de Ed. Infantil.
A Cebra Camila, Chibos chibóns. o Patiño Feo, o Gato Lambón, o Grúfalo e o Monstro de Ricardo foron algunhas das historias das que disfrutamos. Moitas grazas, chic@s!!!
O alumnado de terceiro de Ed. Primaria realizou unha ruta polo río da fraga acompañados dun grupo de enxeñeiros/as medioambientais. Ensináronlles a disyinguir a flora, fauna e outros elementos que son beneficiosos para o río e o medio ambiente a través dun bingo ecolóxico.
Tiveron a sorte de observar lesmas, cágados de ra e de sapo, larvas de cabaliño do demo e un montón de seres máis!
Moitas grazas a "tp3 Natural" por compartir os vosos coñecementos e o voso tempo!